O Concello de Lugo informa dunha nova modificación na ordenación do tráfico no centro histórico, derivada da necesidade de realizar traballos de reparación no pavimento da Rúa Quiroga Ballesteros, para mellorar a seguridade da mesma.
Para a execución destes traballos, será necesaria a ocupación total da calzada na Rúa Quiroga Ballesteros, polo que se cortará o tráfico de vehículos por esta vía durante o tempo estimado de actuación, que comprende a fin de semana e, previsiblemente, o luns dependendo do nivel de precipitación durante as próximas horas. As tarefas levaranse a cabo en horario de 8:00 a 13:00 horas e de 14:30 a 18:30 horas.
Nova organización do tráfico durante as obras
Así, habilítase a Rúa do Teatro en dobre sentido de circulación alternativo, regulado mediante semáforos: un primeiro semáforo estará situado na intersección da Rúa do Teatro con Rúa Ánxel Fole; o segundo semáforo situarase na Praza Santo Domingo, na intersección con Rúa Armanyá, á altura da saída do aparcadoiro subterráneo. Estes semáforos regularán de forma alternativa o paso de vehículos, permitindo a entrada e saída de residentes e usuarios entre ambos extremos da Rúa do Teatro. Función que ademais estará asistida por dúas dotacións da Policía Local.
O tramo comprendido entre Ronda da Muralla e Rúa Ánxel Fole contará con dous carrís independentes de circulación. Un deles funcionará como zona de espera para os vehículos que accedan ao casco histórico cando o semáforo de acceso estea en vermello. No extremo oposto da Praza Santo Domingo, o tráfico de entrada desde a saída do aparcadoiro, pasando pola contorna da Praza de Abastos, Rúa Luis Peña Novo e Rúa Armanyá, organizarase nun único sentido de circulación antihorario, tendo a saída definitiva por esta última rúa. O acceso aos garaxes de Quiroga Ballestero queda garantido en todo momento e a saída e entrada aos mesmos realizarase de forma ordinaria por Amor Meilán.