Penúltimo día de rodaxe de “Monstro”, a nova película de Andrés Goteira

O auditorio Fuxan Os Ventos acolleu hoxe a penúltima xornada de filmación de Monstro, a segunda longa de ficción do director Andrés Goteira tras o éxito do seu debut con Dhogs. Antonio Durán Morris e Iván Marcos protagonizan esta nova película, para a que a produtora Gaitafilmes dispuxo dunha subvención de máis de 255.000 euros por parte da Xunta de Galicia a través da convocatoria de 2022 para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron o set de Monstro nesta recta final da súa rodaxe, que vén desenvolvendo desde primeiros de mes e maioritariamente en espazos naturais dos concellos de A Fonsagrada, A Pastoriza, A Pontenova, As Nogais, Becerreá, Castro de Rei, Ferrol, Lugo e Meira.

Cunha narración sen diálogos, Monstro explora a tensión entre o medo e a identidade como parte dunha viaxe á fantasía, ao silencio e ao misterio, a través da historia dun home que se instala nunha casa illada en plena natureza para escapar do tedio da cidade.

Trátase do terceiro traballo como director de Andrés Goteira, quen en 2017 estreou Dhogs no Festival Internacional de Cine Independiente de Buenos Aires. Foi, ademais, a primeira longa en galego proxectada no Festival de Sitges e a película máis premiada na historia dos Mestre Mateo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com