O PP denuncia o abandono da Sala Porta Miñá e do MIHL

O Grupo Municipal do Partido Popular vén de publicar en redes sociais fotografías e videos do desleixo da concellaría de Cultura “para denunciar o estado de abandono das salas museísticas de titularidade municipal. Se hai uns días puxemos o foco no MIHL, unha obra de arte sen contido, sen plan de xestión e sen conservación, hoxe documentamos a situación da Sala Porta Miñá, con múltiples deficiencias que confirman a falta de mantemento do patrimonio lucense por parte do Goberno local”

Entre os problemas detectados, os populares destacan os seguintes:

“O vídeo explicativo “Sub Terra Aquae” leva fóra de servizo desde xaneiro. Nas vitrinas hai luces fundidas dende hai meses, sen que ninguén as repare.

Non hai ningún sistema de alarma antiincendios, nin na sala principal nin na cloaca romana, o que supón un risco moi grave.

A porta automática de acceso ao baño e á cloaca leva tempo pedindo mantemento, segundo indica a pantalla do control, e ademais está rota unha das pezas que a suxeita, polo que a porta de cristal queda solta e bate cando hai vento vento.

A porta principal perdeu as bandas que aillaban o frío, e agora entra aire directamente no posto de traballo. Isto non só xera incomodidade, senón tamén un mal uso da calefacción.

As pechaduras están en mal estado. A cancela de entrada queda atascada nos días de calor. A porta traseira da sala e a metálica de acceso á cloaca tampouco pechan ben. O pestillo da porta metálica está solto e pode romper en calquera momento. A pechadura do cuarto das luces tamén está solta. A porta do baño é difícil de pechar porque ten un sistema complicado.

A cámara de seguridade da entrada principal non funciona, e ninguén a substituíu.

A porta que dá acceso á varanda da cloaca está sen ningún sistema de peche, o que representa un perigo claro.

Dentro da sala hai vinilos deteriorados, con letras que se despegan. Tamén hai paneis que cederon e non están ben axustados. A vitrina da pintura mural ten a pintura escachada desde setembro do ano pasado, e seguen sen facer nada. Ata o cartel de “Prohibido o paso” que caeu polo vento segue sen repoñer”.

Segundo os populares, “todo isto non son problemas novos nin complexos, son cuestións básicas de mantemento que se poderían resolver se houbese vontade política. O que está claro é que a día de hoxe non a hai”.

Desde o PP reclaman “un plan de conservación, mantemento e promoción das salas museísticas municipais. Non se pode seguir gobernando a golpe de improvisación mentres se deixan caer os espazos que contan a historia de Lugo”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com