O Concello de Lugo recibiu ata hoxe preto de 300 solicitudes para organizar fogueiras de San Xoán na noite do próximo luns, día 23. Precisamente, ese é o día no que remata o prazo de presentación destes permisos, que se poderán entregar ata as 13.00 horas do día 23 nas dependencias da Policía Local, polo que a cifra de solicitudes aínda pode aumentar bastante.
De feito, nos últimos anos, ditas peticións aproximáronse ás 400 do ano pasado e ás 387 do ano anterior. O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, comentou ao respecto destas celebracións que “recuperáronse con forza tralas restriccións pola pandemia; as fogueiras de San Xoán son algo moi noso pero é importante respectar as normas para previr e evitar situacións de risco”.
Neste sentido, o Goberno Local lembra que no bando publicado recentemente sobre as normas a cumprir neste tipo de lumes especifícase que as fogueiras non poderán estar próximas a localizacións nas que existan liñas eléctricas, inmobles, zonas verdes ou xardíns e tampouco estará permitida a súa realización no Centro histórico nin en lugares nos que poidan crearse situacións de perigo. Ademais, o alcalde fixo unha chamada á cidadanía e pide ás persoas organizadoras que unha vez rematen as fogueiras, retiren todos os restos das queimas.