O Concello abre unha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación enerxética no centro histórico

O Concello de Lugo abrirá nos próximos días unha nova convocatoria de axudas para a rehabilitación enerxética de vivendas e locais no centro histórico, unha vez resolta a primeira fase do programa de subvencións vinculadas ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU. Esta nova convocatoria pon á disposición da cidadanía un importe de 424.186,25 euros e permitirá actuar sobre ata 43 inmobles da contorna PEPRI.

A anterior quenda, correspondente á Fase XVII do programa ERRP, resolta tras a sesión da Comisión de Valoración celebrada o pasado 19 de xuño, incluíu tres expedientes aprobados que permitiron financiar actuacións de rehabilitación enerxética sobre 14 propiedades e 6 locais comerciais. O investimento público asignado foi de 426.800 euros, dos que 414.800 euros corresponderon á axuda base e 12.000 euros á retirada de amianto. Ningunha das solicitudes incorporou incremento por vulnerabilidade.

A convocatoria inicial dispoñía dun orzamento total de 850.986,25 euros, cofinanciados polo MITMA e os fondos europeos NextGenerationEU, e articulada a través do programa de axuda ás actuacións a nivel de barrio. Dado que aínda queda dispoñible preto da metade dos fondos, o Goberno local decidiu activar un novo prazo de dous meses para presentar solicitudes, que comezará a contar a partir do día seguinte á publicación do acordo no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.

Poderán optar ás axudas aquelas persoas propietarias de vivendas ou edificios de uso residencial situados na área ARI-ERRP do Centro Histórico de Lugo. As actuacións deberán estar iniciadas con posterioridade ao comezo de 2020 e non estar rematadas no momento de presentar a solicitude. O prazo para executar as obras e xustificar os gastos remata en xuño de 2026.

As bases da convocatoria están publicadas no BOP nº 159, do 10 de xullo de 2024, e poden consultarse tamén na web municipal www.concellodelugo.gal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com