Arranca o estendido do aglomerado no último tramo da Avenida Infanta Elena

Este martes comezou o estendido de aglomerado en quente no último tramo das obras de desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, desde a Glorieta de Garaballa á de Benigno Rivera. Uns traballos que afectan aos últimos 456 metros da vía, cos que se completará a mellora e renovación dos 2,7 quilómetros desta entrada á cidade nos que a institución provincial leva investidos un total de 2,4M€.

Estas tarefas que se están a realizar consisten na aplicación dunha primeira capa de aglomerado na marxe esquerda, que quedará habilitada como desvío provisional do tráfico para facilitar o asfaltado dos outros dous carrís da calzada. Unha actuación que permitirá avanzar de forma eficiente nos últimos traballos para a renovación integral da avenida, garantindo a seguridade viaria e minimizando as molestias para os usuarios e usuarias que transitan a diario por esta vía de acceso á cidade.

Este tramo completará o conxunto da avenida desdobrada, que agora conta con entre dous e tres carrís de circulación por sentido, carrís bici, beirarrúas amplas, iluminación LED, mobiliario urbano e arborado, mellorando notablemente a mobilidade, a accesibilidade e a calidade dos espazos públicos na zona norte da cidade.

O novo tramo, cunha lonxitude total de 456 metros, contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán 4,05 metros de ancho a ambos lados, con  árbores, iluminación, bancos e papeleiras.

Estes traballos tamén inclúen a renovación e dotación  dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com