Sr. Ministro, por favor!

Jei Noguerol, lucense de Viveiro, triunfaba en 1971 coa canción “Señor Ministro, por favor”, na que pedía ao dignatario que lle amañase a estrada, que máis parecía un camiño e non se podía andar por ela. Como argumento poderoso esgrimía a necesidade de poder ir ver a moza distante, cousa que a estrada non permitía.

Suponse que por solucionar peticións coma esta o Ministro Puente, de estradas e trens, foi premiado na Milagrosa lucense, axudando a esa distinción que a súa familia teña vencellos con Sarria, e dificultándoa que sexa o ministro menos popular do goberno.

Eu antes os problemas de estómago amañábaos cunha copa de xenebra, pero agora non poido tomar alcohol, polo que me dura o sufrimento experimentado cando o ministro di que Renfe vai denunciar a Galicia e Castela-León reclamando indemnizacións millonarias porque polos incendios os seus trens tiveron que parar perdendo millóns de euros.

Só a mención de algo tan infame cualifica a un servidor público que ben podería ser sustituido por unha intelixencia artificial que reaccionase mecánicamente a calquera incidencia rutinaria.

Se esa demencial situación se producise, a retirada de calquera distincións lucense seria a medida mínima máis inmediata, e as institucións deberían pedir a súa dimisión, declaralo persoa non grata, e agradecerlle á Renfe a distancia que sempre mantivo coas terras de Lugo. Se as palabras do Ministro fosen pronunciadas o Dia dos Inocentes, pensaríamos que fóra unha broma de mal gusto. Como era setembro, haberá que pensar que os rigores da calor o afectaron, agardemos que non de xeito irreversible.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com