A Asociación Lugo Monumental acaba de facer público o mapa interactivo de Google cos establecementos do centro histórico que participan na nova edición de “Truco ou Trato”, a xa popular actividade de Samaín organizada para dinamizar o corazón da cidade e ofrecer unha xornada divertida ás familias lucenses.
O mapa, accesible a través da web e das redes sociais de Lugo Monumental, permite localizar facilmente os 79 comercios, bares e restaurantes adheridos á iniciativa. Cada punto do mapa mostra o nome e a dirección do establecemento, onde os máis pequenos poderán recoller caramelos ao longo da xornada.“O ‘Truco ou Trato’ consolidouse como unha das citas máis esperadas do outono no centro histórico, combinando a tradición infantil de Samaín coa promoción do comercio local”, sinalan desde a Asociación Lugo Monumental.
Desde a súa primeira edición, Lugo Monumental aposta por ofrecer ferramentas dixitais que faciliten a participación cidadá. O mapa de Google permite ás familias planificar o seu percorrido e gozar do ambiente festivo sen perder ningún punto de interese.
Ademais, a Asociación anima a todos os participantes a compartir as súas fotos en Instagram, identificando polo menos un dos locais participantes e empregando o hashtag #TrucooTratoLugo2025, ademais de etiquetar a #LugoMonumental.
Entre todas as publicacións sortearanse 5 vales de 100 euros para gastar nos establecementos participantes.
O mapa interactivo pode consultarse na seguinte ligazón: https://www.google.com/maps/d/u/1/edit mid=1x6lkoUmVDq2AW1hvbdz6F3qfeoAu8dM&usp=sharing

 
	



 
		                
		                
		                
		                
		               