Esquerda Unida continúa o seu proceso de escoita e participación co tecido asociativo. Representantes de Esquerdas Unida veñen de manter unha xuntanza coa Asociación de Veciñas de Parque Rosalía de Castro – Recatelo. Este encontro tivo lugar no marco de xuntanzas que a nova dirección comarcal de Esquerda Unida está a manter co tecido asociativo e organizativo da cidade. Nesta xuntanza, na que participaron a Coordinadora, Isabel Sánchez, o secretario de Organización Xoán Trigo, e a responsable de Institucional, Chus Rodríguez, tratáronse temas de interese e preocupación para a veciñanza da cidade, que “non só afectan a dito barrio. Desde a asociación amosaron a súa preocupación polo estado de abandono e falta de uso das instalación do Parque Rosalía. Desde a falta de coidado, a tala de árbores, a falta de uso da caseta do garda, do propio templete, do anfiteatro, ata da caseta da antiga sede de Telefónica en García Portela, ven un progresivo deterioro do uso dun dos puntos verdes e de lecer máis simbólicos e importantes da cidade” -como sinala a Coordinadora de EU, Isabel Sánchez.
Botellón
A problemática do “botellón” obedece, segundo conclúen, “tanto por parte da Asociación como por parte de EU, por falta de alternativas de lecer e culturais para a mocidade. Ademais, coinciden tanto desde a asociación de veciñas como desde EU na progresiva turistificación que están a supor as falsas peonalizacións como a de Recatelo, pois ao final son unha vía para extender terrazas polas rúas”, onde, ademais “uns cantos especuladores mercan baixos e locais para emprender negocios que pouco teñen que ver coas tendas de barrio e de proximidade e o progresivo destino de moitos pisos para fins turísticos -como denuncian desde a Asociación- xa está a supor unha suba nos prezos de aluguer, que están a botar ás veciñas”, segundo sinala Chus Rodríguez.
A asociación denuncia que “levan anos sufrindo as consecuencias do “botellón” no parque, tanto polos desfeitas ocasionados, como pola contaminación acústica e preocupados polo excesivo consumo de alcol e substancias tóxicas por parte de moita mocidade, ou non tan nova -segundo apuntan-, que participa no botellón do parque que se foi estendendo por varios puntos do mesmo”. Ademais de denunciar a “inacción tanto por parte das autoridades municipais, como das Forzas e Corpos de Seguridade ao respecto do botellón, expresan as dificultades que teñen para obter permisos para calquera actividade proposta pola Asociación, a falta de interese ou resposta real -por parte da actual Alcaldía- para dotar doutros usos a eses espazos do parque en estado de semiabandono e, por contra, non haxa control algún sobre os excesos do fenomeno do botellón”.
Moitas das situacións tratadas, van nunha liña coincidente coas reiteradas denuncias que xa leva tempo poñendo de manifesto Esquerda Unida, especialmente no “tocante á falta de modelo de cidade por parte deste goberno bipartito, que semella cada vez máis á deriva, cun Alcalde que semella atoparse máis cómodo escapando da toma de decisións e que non ofrece solucións ás problemáticas veciñais”.
Esquerda Unida, unha vez máis, reclama un proceso de escoita e participación cidadá real á hora de deseñar políticas públicas e un modelo de cidade que pase por dar resposta e cobertura ás necesidades reais da veciñanza “unha cidade máis verde e menos cementada, con máis servizos públicos e menos privatización dos espazos, cun urbanismo con perspectiva de xénero, unha cidade para vivir”






