A estrada LU-P-3501 de Navia de Suarna ao Alto do Restelo, permanece cortada pola caída da Ponte de Aceña logo das fortes choivas desta pasada madrugada. Os técnicos da institución provincial están a avaliar os danos da ponte que se derrubou en Navia, a algo máis de medio quilómetro da Pobra, para poder encargar con urxencia as obras de reparación. A caída tivo lugar no tramo vello da estrada, que vai cara a gasolineira, o cemiterio e a planta da luz.
Asemade a Deputación mantén cortadas este martes tres estradas da rede viaria provincial polas consecuencias da borrasca Joseph, dúas na Chaira e outra máis na Montaña. Trátase da LU-P-1701 que conecta Feira do Monte e Muimenta, onde desbordou a auga á altura do quilómetro 9; a LU-P-0802, que vai de Begonte a Santalla, e que está asolagada ao principio da vía no cruce coa N-VI; a LU-P-3501 de Navia de Suarna ao Alto do Restelo, pola caída da Ponte de Aceña.
Durante a pasada noite, os técnicos rexistraron 45 incidencias ocorridas na rede de estradas provinciais. A meirande parte delas tiveron lugar con motivo da caída de arborado, desprendementos e inundacións de vivendas. Ademais, tivo lugar un accidente cun ferido no Cinto Comarcal, a LU-P-1611, ao caerlle unha árbore sobre o vehículo no que viaxaba.
Ademais, a institución provincial mantén despregado tamén o dispositivo contra as nevaradas, que reforzará esta tarde ante as malas previsións meteorolóxicas con 24 máquinas quitaneves, 8 vehículos de apoio, 8 todoterreos e 64 operarios. Está activada a alerta amarela por neve en case toda a provincia, onde a cota de neve se sitúa entre os 600 e os 800 metros. Esta mañá, na zona da Montaña, os técnicos da Deputación traballaron para despexar as estradas e garantir a circulación. As vías na comarca rexistraron un espesor de neve de entre 3 e 4 centímetros.






