O Tribunal de Instancia de Vilalba decidiu arquivar provisionalmente a causa aberta contra a alcaldesa de Guitiriz tras unha denuncia presentada polo portavoz dun grupo municipal do PP. A investigación centrábase na suposta comisión de delitos de prevaricación administrativa, malversación de fondos públicos e falsidade en documento oficial relacionados co cobro de dietas por unha viaxe institucional.
Segundo recollía a denuncia, a rexedora percibira 381,65 euros en concepto de dietas por unha viaxe oficial a Portugal, cuestionándose a compatibilidade desta estadía coa súa asistencia á Xunta de Goberno Local celebrada o 10 de decembro de 2025.
Porén, tal e como sinala o auto xudicial, a documentación achegada durante a instrución acredita que as dietas foron percibidas conforme ao acordo plenario vixente. Ademais, quedou probado que a alcaldesa participou na sesión da Xunta de Goberno Local de forma telemática, circunstancia que desmonta as acusacións formuladas na denuncia.
Na resolución, a xuíza indica que, tras a práctica das dilixencias consideradas necesarias, non se atoparon indicios suficientes que permitan confirmar a comisión dos feitos denunciados. Por este motivo, acordouse o sobresemento provisional e o arquivo da causa.
A decisión xudicial non é firme, polo que as partes teñen a posibilidade de presentar recurso.






