Vicerreitorado

Saber que o edificio vai volver a cobrar vida como residencia oficial de quen ocupe o vicerreitorado de Lugo, e que a Universidade de novo estará representada no antigo Pazo dos Montenegro, tendo á fronte a fachada da Catedral e ás costas a Muralla, séntame ben, alédame, e considero a decisión a demostración de que quen goberna a institución recobra o sentidiño.

Por economía ou decisión irracional como en tempos foi o “Calendario juliano”, a Universidade decidiu pegarse un tiro no pé dereito, pechou o edificio, e refuxiose no recinto universitario que adrede se construíu lonxe para non ter problemas de expansión.

Hai pouco visitei o templo de Mitra existente no sochan do edificio, marabillándome de novo da excepcional riqueza que se conserva nas profundidades do que ata agora devira en antesala do monumento e tenda onde vender recordos. Todo é compatible se o edificio volve á nobleza coa que foi concebido, de acordo coa historia que protexe e a benéfica influencia que a Universidade ten que ter na vida da capital lucense.

Salvando as distancias, que a Universidade se teña refuxiado fóra da cidade, deixando baleiro o Vicerreitorado, é como se o bispado pechase a catedral e trasladase os cultos ao edificio do Seminario. Sei que nunha decisión tan inusitada, inconcebible, entrarían en xogo mecanismos, sentimentos e crenzas que convertirían a arroutada nunha toleada aberrante. Pois o anterior equipo da Universidade xogou con especiais mecanismos, sentimentos e crenzas que, polo que se ve, non foi quen comprender nin valorar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com