No Día do Internacional do traballo, a organización sindical situou no centro das súas reivindicacións a necesidade de garantir “traballo digno e dereitos” en Galiza.
A mobilización principal celebrouse en Lugo como resposta á situación política actual, que a CIG cualifica de “deriva autoritaria e golpista” por parte do PP. Segundo o secretario xeral, Paulo Carril, esta formación “vén de dar un paso máis nas súas actitudes antidemocráticas”, en referencia á moción de censura no Goberno municipal, cualificada como “indigna e inaceptábel”.
Carril advertiu de que que o PP “actúa como VOX, compartindo programas pero competindo polo voto”. Neste contexto, criticou diversas medidas do Goberno galego, que considera orientadas ao control social, “baseado en non cumprir cos mínimos democráticos, non respectar as liberdades públicas e o dereito á folga”.
Entre as actuacións máis cuestionadas sinalou o intento de “branquear as súas políticas” mediante o diálogo social, a intervención no ámbito xudicial, ou tentar culpabilizar á clase traballadora, mesmo debilitar a sanidade pública.
O líder sindical tamén cualificou o actual executivo do PP “de español”, denunciando recortes de dereitos e unha política que favorece a dependencia económica de Galiza, “onde todo se pon a disposición do negocio e da rendibilidade do capital”.
No plano económico, a CIG alertou do impacto da subida do custo da vida, agravada polo contexto internacional, e criticou que tanto a Unión Europea como o Estado español prioricen o aumento do gasto militar. “Non pode ser que o pobo e as clases traballadoras sexamos quen paguemos a guerra”, afirmou Carril, quen advertiu do risco crecente de pobreza nun escenario marcado pola precariedade laboral.
Como alternativa, a organización propón un plan de choque social que inclúa medidas como o incremento do salario mínimo, o control de sectores estratéxicos, a protección da vivenda e o reforzo dos servizos públicos. Tamén reclamou “poñer a enerxía ao servizo do pobo” e actuar contra a especulación nos prezos dos alimentos.
Carril concluíu facendo un chamamento á mobilización social e laboral, subliñando que son tempos de “compromiso, de mobilización e folga”, e defendendo a unidade da clase traballadora: “Hai que saír ás rúas para gañar as loitas que temos por diante (…) porque está en xogo poder vivir e traballar dignamente na nosa terra”.






