A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo un encontro de traballo cos representantes das asociacións que participan cada ano no Arde Lucus para iniciar a coordinación da edición de 2026, que se celebrará entre o 18 e o 21 de xuño e coincidirá co 25 aniversario da festa.
Durante o encontro abordáronse cuestións organizativas e administrativas relacionadas coa colaboración entre o Concello e o tecido asociativo implicado no evento. Segundo trasladou o goberno local, a intención é traballar na preparación da próxima edición desde o diálogo, o consenso e a planificación previa.
O executivo municipal indicou ás asociacións que constitúen “a parte máis importante” do Arde Lucus e sinalou que calquera decisión que lles afecte será estudada e consensuada con antelación suficiente.
Tanto os representantes municipais como as asociacións coincidiron na necesidade de comezar desde agora a preparación dunha edición especial con motivo do 25 aniversario desta festa de recreación histórica.






