A portavoz adxunta do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Ana González Abelleira, reclamou este mércores ao actual Goberno local a aprobación da nova Ordenanza Municipal de Ruídos e da Ordenanza de Terrazas, dous textos que, segundo indicou, quedaron preparados durante o anterior mandato tras un proceso de elaboración no que participaron entidades veciñais, asociacións e sectores implicados.
A representante socialista considerou que a tramitación destas normativas non debería demorarse máis, ao entender que o traballo técnico e político necesario para a súa redacción xa foi realizado. Neste sentido, mostrou a súa preocupación polo ritmo de xestión do actual Executivo municipal e sostivo que non existen impedimentos para iniciar a súa aprobación inicial.
En relación coa Ordenanza Municipal de Ruídos, González Abelleira sinalou que o obxectivo do texto é adaptar a regulación á realidade actual da cidade e ofrecer instrumentos para compatibilizar a actividade económica co dereito ao descanso da veciñanza. A normativa prevé un réxime sancionador graduado, con multas que poden oscilar desde cantidades inferiores aos 600 euros ata os 300.000 euros nos casos máis graves. Ademais, contempla medidas complementarias como o peche temporal de establecementos ou a revogación de autorizacións durante un período máximo de cinco anos.
Entre as novidades incorporadas figura tamén a posibilidade de que os axentes da Policía Local formulen denuncias directas en determinados supostos, sen necesidade de efectuar previamente unha medición acústica instrumental.
Pola súa parte, a Ordenanza de Terrazas establece un marco común para a ocupación do espazo público por parte dos establecementos hostaleiros. O texto fixa horarios de funcionamento desde as 08.00 ata as 00.00 horas nos días laborables e ata a 01.00 horas durante as fins de semana e festivos, con opción de ampliación en celebracións concretas. Tamén determina un prazo máximo de media hora para a retirada e limpeza das instalacións unha vez rematada a actividade e prohibe o uso de equipos musicais e a realización de actuacións nas terrazas.
A regulación contempla distintas modalidades de licenza —trimestral, semestral e anual— e establece criterios para a instalación de elementos como pérgolas, toldos ou cortaventos, co propósito de garantir a accesibilidade e a mobilidade. Entre outras limitacións, non se permitirá a instalación de terrazas en beirarrúas cun ancho inferior a 2,50 metros e nas rúas peonís deberá reservarse un paso libre mínimo de tres metros.
En materia sancionadora, a ordenanza prevé multas de ata 750 euros para as infraccións leves, de ata 1.500 euros para as graves e de ata 3.000 euros para as moi graves.
A portavoz socialista concluíu reclamando a aprobación destas dúas normativas, que definiu como ferramentas orientad






