A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, informou este mércores no Comité de Seguridade e Saúde dunha sentenza da sección do Social do Tribunal de Instancia que declara a vulneración do dereito á integridade física e á saúde dun traballador do Parque Municipal de Bombeiros e condena ao Concello a adoptar medidas correctoras en materia de prevención de riscos laborais, ademais de aboar unha indemnización de 7.500 euros por danos morais.
Segundo a resolución xudicial, existían deficiencias relacionadas coa integración da prevención de riscos laborais, a planificación da actividade preventiva, a designación de recursos preventivos e a elaboración de procedementos de traballo requiridos previamente pola Inspección de Traballo. A sentenza fixa un prazo máximo de 30 días para a adopción das medidas correctoras.
Durante a reunión do Comité de Seguridade e Saúde, que non se convocaba desde outubro de 2025, tamén se analizaron outras cuestións pendentes en materia de seguridade e saúde laboral dos empregados municipais.
Así mesmo, a alcaldesa lembrou outra resolución xudicial recente que obriga ao Concello ao pagamento dunha indemnización superior aos 68.000 euros por unha caída rexistrada na vía pública no casco histórico da cidade.






