O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible aprobou o expediente de información pública e o proxecto de trazado do tramo da Autovía A-74 da Mariña comprendido entre O Carme e Barreiros, correspondente ao sector Foz-Barreiros, na provincia de Lugo. O investimento previsto para a execución das obras ascende a 123,6 millóns de euros, IVE incluído.
A actuación forma parte do futuro eixo da Autovía A-74 da Mariña, destinado a conectar a Autovía do Cantábrico (A-8), en Barreiros, co porto de interese xeral do Estado de San Cibrao. Esta nova vía pretende ofrecer unha alternativa á estrada nacional N-642, que discorre pola costa e que durante o verán chega a rexistrar tráficos de ata 15.000 vehículos diarios.
A conexión entre San Cibrao e Barreiros daría continuidade á vía de alta capacidade da Costa Norte, prevista entre Ferrol e San Cibrao, e completaría o triángulo formado pola A-8, no seu tramo galego entre Ribadeo e Baamonde, e a AG-64 Ferrol-Vilalba.
O trazado aprobado terá unha lonxitude aproximada de 6,57 quilómetros. O percorrido comezará antes do viaduto sobre a estrada LU-152, onde se prevé a construción do semienlace do Carme, e rematará na conexión coa A-8. A autovía discorrerá pola marxe dereita da área recreativa da Nosa Señora do Carme, sen afectar este espazo, e evitará elementos como o Hórreo Baesta e unha mina de caolín situada nas proximidades.
Ao longo do percorrido, a infraestrutura cruzará o río Masma e a estrada LU-150. O proxecto inclúe a execución dun semienlace no Carme, conectado coa LU-150, e dun enlace en Espiñeira coa N-634.
Ademais, está prevista a construción de tres viadutos de dobre calzada: un sobre a LU-152, cunha lonxitude aproximada de 410 metros; outro sobre o río Masma, duns 313 metros; e un terceiro no enlace de Espiñeira, de arredor de 115 metros. O tramo completarase con dous pasos superiores, catro pasos inferiores e sete muros de contención.






