Un total de 270 alumnos e alumnas dos colexios As Mercedes, Rosalía de Castro, Anexa, Nadela, Menéndez Pelayo e Sagrado Corazón participaron este venres nunha exhibición de ecopercusión incluída na programación do Arde Lucus.
A actividade, unha das novidades desta edición, permitiu aos participantes empregar botes de pintura reciclados como instrumentos musicais nunha actuación baseada no ritmo e na coordinación.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e membros do Goberno local asistiron á iniciativa, que tamén buscou promover valores como a reutilización de materiais, a conciencia ambiental e o traballo en equipo.
Por outra banda, a rexedora recibiu no Concello aos integrantes do Grupo Vindicta Recreación Histórica, que participa no Arde Lucus con varias actividades divulgativas sobre a vida cotiá na antiga Roma. A asociación organizará no campamento da Praza de San Marcos unha demostración sobre a vestimenta feminina romana, o sábado ás 17.00 horas, e outra sobre o ritual da toga romana, o domingo ás 12.00 horas.






