A Xunta reforza a seguridade no Arde Lucus cun Posto de Mando Avanzado na Horta do Seminario

A Xunta de Galicia activou desde hoxe e ata o remate da fin de semana un Posto de Mando Avanzado (PMA) na Horta do Seminario co obxectivo de reforzar a seguridade durante a celebración do Arde Lucus, unha das citas festivas con maior afluencia de público na cidade de Lugo.

A medida foi adoptada a petición do Concello de Lugo e conta coa participación da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), que achega medios materiais e humanos para facilitar unha resposta coordinada de todos os servizos implicados no caso de que se produza calquera incidencia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou este venres as instalacións do dispositivo, que permanecerá operativo durante as franxas horarias nas que se prevé unha maior concentración de asistentes. Así, este venres e o domingo funcionará entre as 17.00 e a 1.00 da madrugada, mentres que o sábado ampliará o seu horario desde as 16.00 ata as 2.00 horas.

O Posto de Mando Avanzado permitirá coordinar de maneira máis eficaz a actuación dos distintos corpos e servizos de emerxencias, co fin de garantir a seguridade dos miles de persoas que participan cada ano nas actividades do Arde Lucus.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com