Pablo Portela Fernández tomou posesión este venres como novo secretario xeral do Concello de Lugo nun acto celebrado no despacho da Alcaldía.
Portela Fernández conta cunha dilatada traxectoria na administración local como secretario de categoría superior. Ao longo da súa carreira desempeñou este posto en distintos concellos galegos, entre eles Guitiriz, Gondomar e Tui, experiencia que agora porá ao servizo da administración municipal lucense.
Durante o acto, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, deulle a benvida en nome da Corporación municipal e desexoulle éxito nesta nova etapa profesional. A rexedora destacou a confianza do Goberno local en que a experiencia e o coñecemento do novo secretario xeral contribúan ao bo funcionamento da institución e a reforzar a prestación dun servizo público de calidade á cidadanía.
A Secretaría Xeral é un dos órganos clave da administración municipal, ao asumir funcións de asesoramento xurídico e de fe pública dos acordos adoptados polos órganos de goberno do Concello.






