A Concellería de Xuventude do Concello de Lugo abriu o prazo de inscrición para unha nova programación de actividades gratuítas do programa Lugo +XTi 2026, dirixida á mocidade co obxectivo de promover o ocio saudable, a formación e a creatividade durante o verán.
A oferta inclúe dous obradoiros para mozos e mozas de entre 16 e 35 anos no Centro Uxío Novoneyra: un de arte urbana, muralismo e escultura, e outro de vídeo e fotografía dixital, ambos durante o mes de xullo.
A programación complétase cun servizo de apoio escolar e ocio para rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, que se desenvolverá entre o 8 de xullo e o 14 de agosto no Centro de Convivencia Lamas de Prado.
Ademais, os días 16 e 17 de xullo a Praza Maior acollerá as xornadas Condu-cero, unha actividade de sensibilización sobre os riscos de combinar drogas e condución, con circuítos, simuladores, xogos e outras propostas participativas para mozos e mozas de entre 14 e 35 anos.
Todas as actividades son gratuítas e as inscricións permanecerán abertas ata o día anterior ao inicio de cada unha delas ou ata completar as prazas dispoñibles.






