A Deputación de Lugo aprobou por unanimidade no Pleno provincial unha Declaración Institucional con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI, celebrado o pasado 28 de xuño, na que reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos, a igualdade e a dignidade das persoas LGTBI. O texto supón un chamamento ás administracións públicas para actuar con firmeza fronte aos discursos de odio, a intolerancia e calquera forma de discriminación, ao tempo que aposta por reforzar as políticas públicas orientadas á inclusión, á protección das vítimas e á convivencia en igualdade.
Na declaración, a Corporación provincial destaca que o Día do Orgullo é unha oportunidade para celebrar a diversidade, recoñecer os avances acadados nas últimas décadas e lembrar que aínda existen importantes retos para garantir a igualdade real. A institución reivindica o papel dos gobernos locais como espazos fundamentais para construír contornas seguras, inclusivas e respectuosas, onde a diversidade sexa entendida como un valor que enriquece a sociedade.
O documento tamén pon o foco na importancia das organizacións LGTBI como axentes de transformación social e reclama que participen activamente na elaboración e avaliación das políticas públicas. Ademais, considera imprescindible que as institucións conten con mecanismos eficaces para previr e combater situacións de discriminación e responder con determinación aos discursos que promovan a intolerancia.
A Deputación recoñece os avances lexislativos e sociais conseguidos en España, pero advirte de que continúan producíndose casos de desigualdade, violencia e rexeitamento contra o colectivo. A declaración presta especial atención ás persoas LGTBI que, ademais, pertencen a colectivos especialmente vulnerables, como persoas migrantes, racializadas, con diversidade funcional ou en situación de pobreza, que sofren formas agravadas de discriminación. Por iso, reclama políticas específicas baseadas nos dereitos humanos que dean resposta ás súas necesidades.
Outro dos aspectos destacados é a preocupación pola infradenuncia das agresións contra persoas LGTBI. Segundo recolle o texto, arredor da metade das vítimas de agresións físicas, sexuais ou verbais non presentan denuncia debido ao medo ou á falta de confianza nas institucións. Neste contexto, a Deputación comprométese a impulsar medidas que favorezan a confianza das vítimas, melloren a resposta institucional e contribúan á prevención da violencia e dos delitos de odio.
A declaración tamén expresa preocupación pola situación internacional, advertindo dos retrocesos que se están producindo nalgúns países en materia de dereitos humanos, coa aprobación de medidas restritivas, o aumento dos discursos de odio e a persecución institucional das persoas LGTBI.






