A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a unha muller a un ano e nove meses de prisión como autora dun delito de estafa por apropiarse de 40.290,68 euros dunha muller octoxenaria con deterioro cognitivo. A sentenza tamén a obriga a indemnizar os herdeiros da vítima, falecida durante a tramitación do procedemento.
Segundo recolle a resolución xudicial, a acusada coñeceu á denunciante mentres traballaba nunha perruquería, onde gañou a súa confianza. Posteriormente, aproveitouse da avanzada idade e da situación de vulnerabilidade da muller para convencela de retirar da súa conta bancaria un total de 49.990,68 euros en efectivo.
Do diñeiro retirado, a condenada ingresou 9.000 euros noutra conta da propia vítima e destinou 700 euros ao ingreso desta nun centro de maiores. A Audiencia considera probado que se apropiou dos 40.290,68 euros restantes.
Na sentenza, os maxistrados sinalan que a vítima, debido ao seu deterioro cognitivo e á súa especial vulnerabilidade, actuou “manipulada ou inducida” pola acusada, quen se aproveitou tanto destas circunstancias como da relación de amizade existente entre ambas para obter un beneficio económico ilícito.
Ademais, o tribunal considera que a versión ofrecida pola investigada durante o xuízo quedou desvirtuada polas probas practicadas.
A Audiencia Provincial absolveu, por outra banda, á acusada do delito de furto polo que tamén fora procesada.
A sentenza aínda non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).






