Dúas persoas resultaron feridas nun accidente de tráfico rexistrado na mañá deste xoves na autovía A-6, ao seu paso polo municipio de Baralla. No sinistro víronse implicados dous camións e dous turismos, segundo informou o 112 Galicia.
O accidente produciuse pouco antes das 9.00 horas, no quilómetro 464 da autovía en sentido Madrid. A primeira chamada de alerta ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia indicaba que un camión envorcara sobre un turismo, deixando atrapada á súa condutora. Porén, minutos despois foi a propia afectada quen contactou cos servizos de emerxencias para comunicar que estaba ferida e que conseguira saír do vehículo polos seus propios medios antes da chegada dos equipos de intervención.
Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Sarria e dos servizos de conservación da autovía. Os bombeiros confirmaron que non foi necesario realizar labores de excarceración.
Un dos camións implicados transportaba gando e quedou envorcado lateralmente sobre un importante desnivel. Como consecuencia do accidente, varios dos animais faleceron ao precipitarse fóra do vehículo.
Segundo indicou a Garda Civil de Tráfico, no sinistro estiveron implicados dous camións e dous turismos. Dúas persoas foron trasladadas en ambulancia polos servizos sanitarios.
Os equipos de emerxencias continuaban traballando na zona para estabilizar o camión accidentado e restablecer a circulación na A-6 coa maior rapidez posible.






