O BNG criticou a decisión do goberno local de destinar 156.000 euros, o 45 % dos 350.000 euros de fondos propios previstos este ano para asfaltados na zona rural, á pavimentación de viarios en Santa María de Muxa. O concelleiro Alexandre Penas considera que se trata dunha distribución “inxusta e difícil de xustificar”, ao entender que a actuación beneficia os accesos da contorna da vivenda da concelleira de Rural, Flor Rubinos. Os nacionalistas sosteñen que, nun concello con arredor de 900 quilómetros de pistas rurais, o investimento debería repartirse atendendo ás necesidades do conxunto das parroquias e reclaman explicacións sobre os criterios empregados para priorizar esta obra.
O Concello lamenta que “o BNG recorra ás mentiras para cuestionar actuacións necesarias no rural”
Pola súa banda, o Concello rexeitou estas acusacións e cualificounas de “falsas” e carentes de fundamento. O executivo local asegura que a actuación responde a unha demanda real por motivos de seguridade viaria, tras recibir un escrito da empresa concesionaria do transporte escolar no que advertía do mal estado da pista e solicitaba unha intervención urxente. Ademais, nega que as obras garden relación coa residencia da concelleira de Rural, afirmando que esta se atopa a uns tres quilómetros da zona de actuación.
O goberno municipal sostén tamén que os investimentos se planifican en función das necesidades detectadas e non do lugar de residencia de ningún membro da corporación. Así mesmo, acusa ao anterior executivo, do que formaba parte o BNG, de non atender esta e outras demandas da veciñanza durante o seu mandato, e considera que as críticas buscan xerar unha polémica política arredor dunha actuación que, segundo defende, responde ao interese xeral e á mellora da seguridade no rural.






