O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, inaugurou este martes en Samos a exposición itinerante Hospitalidade monástica, integrada na programación de O Teu Xacobeo para 2026. A iniciativa forma parte dos 56 proxectos desta convocatoria, dotada cun investimento global dun millón de euros.
A mostra, composta por vinte paneis e un audiovisual instalado na Casa do Concello, percorre a historia da acollida aos peregrinos nos mosteiros do Camiño de Santiago. Permanecerá en Samos durante un mes e, posteriormente, visitará outros catro concellos rurais galegos vinculados á tradición monástica.
Entre os contidos destacan referencias documentais á asistencia a peregrinos en Samos desde a Idade Media, tanto na hospedaría do mosteiro como nun antigo hospital desaparecido. A exposición tamén aborda o papel da comunidade monástica de Samos nas orixes do culto xacobeo.
Durante a inauguración, Gómez Román sinalou que a iniciativa busca divulgar o patrimonio histórico ligado á hospitalidade no Camiño e achegar a programación cultural a concellos rurais. O proxecto complétase con publicacións divulgativas, pódcasts e contidos audiovisuais.






