Recreación histórica

As festas de recreación histórica están de  moda. Algunhas, coma o Arde Lucus, permiten a unha cidade reivindicar con entusiasmo feitos do pasado, conseguindo difícil unanimidade arredor dunha historia, lenda ou idealización.
O mesmo acontece con labores extintas, como o cultivo do liño en Vilalba, ou as vellas mallas que, extinguido no país o cultivo do pan, son como un lamento polo rural que se nos foi. Ou cos mercados medievais, fórmula propicia para o comercio de sempre, con roupas do pasado, e produtos intemporais.
De ordinario as celebracións históricas veñen supoñer unha visión do pasado co prisma de hoxe, convertendo en festa traxedias doutrora. E pode haber festas vikingas séculos despois (os devanceiros rezaban “a furore normannorum, liberanos dómine”), pero chámame a atención a recreación celebrada en Torés das tropas falanxistas e os “escapados”, que se achega temporalmente a unha realidade tráxica, da que pode que alguén garde memoria directa.
Facer en Lugo festa da tráxica conquista romana cos galaicos sacrificados no Medulio, non compromete a nada e a todos conforta. Pero falar de fuxidos e falanxistas pode remover conciencias, que supoño hai fillos e netos de falanxistas que quizais non coñezan a historia familiar, e descendentes de fuxidos que seguen cargando coa dor herdada.
O último dos “escapados”, “O Piloto”, foi abatido en 1965 en Chantada, e da miña nenez gardo a sombra da historia dun parente asasinado polos falanxistas das Pontes. Cando os feitos non doen, que viva a festa!. Cando a memoria dos feitos aínda raña nas almas, facer festa pode ser combater dores históricas, pero tamén avivar rescaldos vivos.

Xulio Xiz

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com