Lugo da luz verde a unha nova residencia privada mentres o PSOE cuestiona o enfoque do Goberno local

Todo parece indicar que o vindeiro  luns, a Xunta de Goberno Local de Lugo aprobará o proxecto para a construción dunha nova residencia privada para persoas maiores no barrio de Recatelo. A actuación prevé un investimento de 10,9 millóns de euros e a creación de 115 prazas residenciais, ademais de 77 prazas de aparcamento distribuídas en dous sotos.

O anuncio xerou unha valoración maioritariamente positiva sobre o impacto da actuación, pero tamén diferentes interpretacións políticas sobre o papel desempeñado polo Concello na súa tramitación e sobre as prioridades en materia de atención ás persoas maiores.

Desde o Goberno local, a alcaldesa, Elena Candia, destacou a implicación do Concello no proceso administrativo e a coordinación co promotor e coas distintas administracións para facilitar e axilizar a tramitación. Para o executivo municipal, a residencia supón unha oportunidade para ampliar a oferta de prazas destinadas ás persoas maiores, recuperar e mellorar un espazo de Recatelo e favorecer a chegada de novos investimentos e equipamentos á cidade.

O Goberno local sitúa así o proxecto no marco da colaboración entre a iniciativa privada e as administracións públicas. A residencia está deseñada para ofrecer un equipamento moderno e adaptado ás necesidades dos futuros usuarios, mentres que o Concello estuda tamén posibles fórmulas para optimizar o uso dos espazos de aparcamento vinculados á actuación.

O PSOE municipal comparte, en termos xerais, a valoración positiva do investimento. Os socialistas consideran que a nova residencia permitirá recuperar un espazo que precisa unha actuación e incrementar a oferta residencial de Lugo. Porén, discrepan da lectura política que fai o Goberno local sobre a súa participación no proxecto.

A voceira adxunta socialista, Ana González Abelleira, sostén que a concesión da licenza forma parte da tramitación administrativa ordinaria e conta cos informes preceptivos favorables. Por iso, considera que non debería presentarse como un logro político do Concello, se non como o resultado dun procedemento administrativo para unha iniciativa empresarial privada.

O Psoe reclamalle a alcaldesa, ao comparar este proxecto coa situación da residencia pública de As Gándaras, que empregue a súa posición institucional para mediar ante a Xunta no conflito aberto arredor da reforma do centro.

Os socialistas lembran que os residentes de As Gándaras levan meses manifestándose contra a transformación de espazos individuais en habitacións compartidas. Segundo o Psoe, as modificacións previstas non responden ás demandas dos usuarios, sinala Abelleira, e pon o exemplo que unha iniciativa presentada no Pleno para suspender a reconversión ata alcanzar un acordo cos usuarios, esta foi rexeitada cos votos do PP.

Así, o debate político non se centra tanto na conveniencia da nova residencia, que ambas as formacións consideran unha incorporación positiva para a cidade, como na interpretación do papel do Concello e as prioridades  políticas de cada unha das formacións.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com