Máis de 150 persoas arroupan en Foz a primeira exposición de Mauro Leivas tras o seu pasamento

              «Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras» reúne no CENIMA 46 obras pertencentes á última etapa creativa do artista mindoniense

Máis de 150 persoas asistiron este xoves á inauguración no CENIMA de Foz da exposición «Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras», a primeira mostra de Mauro Leivas organizada tras o seu pasamento en xullo de 2025. A exposición reúne 46 obras do artista mindoniense e permite achegarse ao seu último ciclo creativo, marcado pola influencia da estética xaponesa e pola representación da paisaxe máis próxima.

Familiares, amizades, representantes institucionais e persoas vinculadas ao mundo da cultura ateigaron a sala de exposicións do primeiro andar do Centro de Interpretación da Mariña Lucense. Entre os asistentes estiveron o alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero; o deputado provincial Daniel García; representantes dos concellos de Foz e Barreiros, e o presidente da Asociación Mauro Leivas, Néstor Leivas.

No acto interviñeron a vicepresidenta da entidade, Mariam Ferreira; a xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, Encarna Lago; a comisaria da exposición, Silvia Fiallega; os artistas e amigos de Mauro Leivas: Daniel Caxigueiro e Xosé Artiaga, e Vilma Leivas, irmá do autor e vogal da Asociación.

Daniel Caxigueiro definiu esta última etapa do autor como “un regreso ás orixes”. Segundo explicou, Leivas apostou nos seus derradeiros traballos por unha linguaxe sinxela e mínima, próxima á sensibilidade xaponesa, coa que representou a paisaxe cotiá que o rodeaba. Xosé Artiaga situou pola súa parte a Mauro Leivas entre os artistas plásticos máis destacados de Galicia e resumiu o seu método creativo coa expresión “pintar o debuxo e debuxar a cor”.

A comisaria Silvia Fiallega tamén interpretou a mostra como un regreso á infancia e á contorna máis familiar. Salientou a liberdade coa que o artista desenvolveu a súa traxectoria, así como o seu compromiso coa ecoloxía e coa igualdade social. Vilma Leivas convidou o público a observar directamente as obras para comprender “o que vía e o que sentía” o seu irmán, e agradeceu a acollida recibida pola exposición.

Durante a inauguración presentouse ademais, tanto no seu formato orixinal como en versión dixital, un caderno inédito con 35 obras que completan este último ciclo artístico. A súa dixitalización forma parte do proceso de conservación e catalogación que desenvolve a Asociación Mauro Leivas desde a súa constitución.

A entidade, integrada por familiares e amizades do artista, naceu co propósito de preservar, estudar e difundir o seu legado artístico e intelectual. A elección de Foz para esta primeira exposición pretende recoñecer a estreita relación de Mauro Leivas coa Mariña lucense, territorio presente en boa parte da súa obra e das súas reflexións.

«Ukiyo-e: de paxaros e sacabeiras» pode visitarse no CENIMA, situado na avenida da Ribeira de Foz.

Exposición aberta ao público: do 20 ao 13 de setembro.
🕗 Horario de visita: de luns a sábado, de 9:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 h; domingo de 9:30 a
13:30 h
🎫 Entrada libre
📖 Catálogo da exposición:
https://drive.google.com/file/d/1XMjAJvaTJwrRAFO84XzXQMEebQr2y9B1/view

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com