O concelleiro de Cultura, Javier Vázquez Prado, deu a coñecer a composición do xurado encargado de avaliar as propostas presentadas ao concurso para elixir o cartaz anunciador do San Froilán 2026.
O órgano de valoración estará integrado por catro profesionais vinculados á creación artística, á investigación e á docencia:
- Lomarti (Juan José López Martínez), artista multidisciplinar e referente da escultura galega, cunha traxectoria que abrangue tamén a pintura, a fotografía e o deseño gráfico. A súa capacidade para combinar técnicas e linguaxes visuais converteuno nunha figura destacada no ámbito da ilustración e da creación gráfica.
- Lucila Yáñez Anlló, licenciada en Belas Artes, investigadora e profesional vinculada ao Museo Provincial de Lugo. A súa experiencia procede do traballo de estudo, catalogación e divulgación do patrimonio artístico e da obra gráfica de creadores relevantes.
- Xoán Guerreiro Vázquez, ilustrador de diversas obras literarias e autor de portadas discográficas. Foi finalista do concurso de ilustración de libros de contos de Espasa-Calpe, obtivo o primeiro premio de pintura LugoNova e foi seleccionado en tres edicións da Mostra Unión Fenosa.
- Gonzalo Sánchez Folgueira, Zalo, artista plástico e profesor da Escola de Artes Aplicadas de Lugo. A súa influencia no campo da ilustración está especialmente ligada ao labor docente e á formación artística e gráfica de varias xeracións de creadores lucenses. A súa traxectoria foi recoñecida polo Museo Provincial de Lugo mediante unha exposición e un catálogo monográfico.
Vázquez Prado explicou que a elección destas persoas “responde á vontade de contar con persoas con coñecementos e experiencia na creación e de garantir a independencia e imparcialidade na valoración das propostas, dentro das condicións establecidas nas bases da convocatoria”.
Recuperación do concurso aberto
A elección do cartel do San Froilán realizouse mediante un concurso aberto durante 26 edicións, unha fórmula que permitía presentar propostas a todas as persoas interesadas. O pasado ano, o anterior goberno municipal optou por unha vía diferente, mediante o encargo directo a un ilustrador. O novo executivo recupera nesta edición o sistema de concurso.
A convocatoria ten carácter amateur e está aberta a todas as persoas que desexen participar e cumpran os requisitos recollidos nas bases. “Democratizar tamén é isto: permitir que calquera persoa poida presentar a súa proposta. Isto non impide, cuestiona nin desvaloriza o traballo dos deseñadores e creadores profesionais”, afirmou o responsable municipal de Cultura.
O Concello resta importancia á polémica pola imaxe difundida nas redes
En relación coas críticas recibidas pola imaxe utilizada nas redes sociais para anunciar o concurso, o edil aclarou que non se trataba do cartel oficial nin dunha proposta candidata.
“Esa imaxe non era o cartel do San Froilán, nin pretendía ser unha proposta creativa. Foi simplemente un recurso de comunicación elaborado por un traballador municipal para anunciar a convocatoria”, sinalou.
Vázquez Prado lembrou, ademais, que as bases do concurso prohiben expresamente o uso de intelixencia artificial nas propostas que se presenten. Con todo, indicou que “a IA é xa unha realidade presente na sociedade e tamén nas ferramentas de comunicación. Negalo sería hipócrita”.
A posición de Ramón Cabarcos
O Goberno municipal sostén que resulta fundamental garantir a independencia e a imparcialidade en todas as decisións relacionadas co proceso. No caso de Ramón Cabarcos, considera que a súa dobre condición de concelleiro do Goberno local e director da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón obriga a extremar estas garantías.
O executivo lucense acusa a oposición de intentar converter unha decisión de carácter administrativo nun asunto de confrontación política.
Pola súa banda, Cabarcos manifestou o seu apoio ao traballo desenvolvido polo Goberno municipal e, en particular, pola Concellería de Cultura.
“Como concelleiro de Urbanismo e membro do Goberno municipal, apoio completamente o traballo que a Alcaldía e todas as concellerías están a desenvolver, especialmente o da Concellería de Cultura. A miña responsabilidade como director da EASD Ramón Falcón é mellorar e apoiar o eido creativo en xeral e o da cidade en particular. Ambas as responsabilidades son plenamente compatibles e permítenme dar o mellor nos dous ámbitos, de xeito alleo a calquera polémica política que poida estar interesada en facer ver o contrario”, concluíu.






