As festas celebraranse do 4 ao 12 de outubro con concertos gratuítos, trece verbenas e actividades infantís, tradicionais e de rúa. O Concello aínda non facilitou o programa completo nin o custo da celebración
O San Froilán 2026 celebrarase do 4 ao 12 de outubro cun programa que combinará grandes concertos, verbenas, música tradicional, actividades infantís e propostas dirixidas á mocidade. A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro de Cultura presentaron este luns as principais liñas das festas, que terán acceso gratuíto en todos os escenarios.
A Horta do Seminario concentrará boa parte dos concertos. Polo seu escenario pasarán Nil Moliner, Sidecars, The Rapants, Lucho RK, Santiago Auserón, Celtas Cortos, Malú, Juan Magán, La Penúltima e Los Diablos. O grupo infantil Pica Pica actuará o 5 de outubro ao mediodía.
O calendario previsto para este espazo comezará o día 4 con Nil Moliner e continuará o 5 con Pica Pica e Sidecars; o 6 con Novelouro e The Rapants; o 7 con Lucho RK e Santiago Auserón; o 8 con Celtas Cortos; o 9 con Malú; o 10 con Juan Magán; o 11 con La Penúltima, e o 12 con Los Diablos.
A Praza de Santa María terá unha programación propia, que aposta especialmente pola música tradicional, a cultura galega, as agrupacións locais e propostas diferentes. Entre as propostas anunciadas figuran Brath que celebra os seus 45 anos no mundo da música, a Banda Filarmónica, a Orquestra Terranova, Cántigas e Frores, Airiños de Orbazai, a Asociación de Gaiteiros, Xisco Feijoo e o ciclo de monólogos San Froilán Sorrí.
Aquí a programación busca outra maneira de vivir o San Froilán, con corais, bandas, zanfonas, gaiteiros, danza, humor e artistas vinculados á nosa cultura.
Pasarán por este escenario a Banda Filarmónica e Brath, a Orquestra Terranova cun espectáculo de zanfonas, grupos locais, San Froilán Sorrí, con monólogos de humor, El Kiki e o Cante das Minas, nun espectáculo do Teatro Real, Cántigas e Frores, Airiños de Orbazai, a Asociación de Gaiteiros e Xisco Feijoo.
Trece verbenas en nove días
As verbenas gañarán peso nesta edición, cun total de trece actuacións distribuídas ao longo dos nove días. Na Praza Maior estarán as orquestras Marbella, Principal, Los Satélites, Acordes, Grupo Beatriz, Punto Clave, América, Suavecito, Escaparate e Costa Dorada.
A programación chegará tamén a outros barrios. París de Noia actuará o día 5 en Augas Férreas e Panorama City, o día 8 no Agro do Rolo. A orquestra Panorama pechará as festas o 12 de outubro cun escenario de 64 metros. A nota municipal sitúa esta actuación en Sanfiz, aínda que tamén indica que a localización está pendente de confirmación.
Ese último día haberá outras dúas citas: Escaparate ofrecerá unha sesión vermú ás 13.00 horas na Praza Maior e Costa Dorada actuará no mesmo lugar ás 19.30 horas.
Programación infantil e propostas para a mocidade
O San Froilán Miúdo incluirá música, maxia, contacontos e espectáculos itinerantes. Como actividade previa, os Pelúdez realizarán durante setembro trinta visitas a colexios, escolas infantís e ao Hospital Universitario Lucus Augusti.
As barracas funcionarán do 26 de setembro ao 12 de outubro e haberá un Día do Neno con prezos reducidos, aínda sen data concretada. Para o público mozo están previstos o Espazo Hip Hop, o San FroiDance e o Electronic Lucus Fest.
O programa completarase con pasarrúas, charangas, batucadas, os Xigantes e Cabezudos, o Domingo das Mozas, o desfile de traxe galego e unha recreación das antigas verbenas galegas. Tamén se celebrarán a Feira do Mel, o San Froilán Tecedeiro, a Mostra de Coches Clásicos e, o 12 de outubro, o Mercado Medieval.
O Concello colaborará ademais co Mariña Fest, previsto para os días 2 e 3 de outubro, mediante a achega de infraestruturas e autobuses lanzadeira.
O goberno local presentou as liñas xerais das patronais, pero aínda non publicou os horarios e as localizacións de todas as actividades. Tampouco informou do orzamento total das festas nin do custo das principais contratacións artísticas. O programa definitivo anunciarase nos próximos días.






