Este xoves reabren os cines Codex con catro estreas na súa carteleira

As salas reabren este xoves 3 de setembro no seu horario habitual con “Onte á noite conquistei Tebas” e “O ser querido”. O venres 4 incorporaranse á carteleira “Vivir a terra” e “Palestina 36”.

Codex Cinema está de volta. As salas retomarán a súa actividade o vindeiro xoves 3 de setembro, no horario habitual, cunha programación que reúne catro estreas procedentes de España, China e Palestina.

A carteleira abrirá o xoves con “Onte á noite conquistei Tebas”, de Gabriel Azorín, e “O ser querido”, de Rodrigo Sorogoyen. O venres 4 de setembro estrearanse tamén “Vivir a terra”, filme de HuoMeng recoñecido co Oso de Prata á mellor dirección no Festival Internacional de Cine de Berlín de 2025, e “Palestina 36”, dirixido por AnnemarieJacir.

 “Onte á noite conquistei Tebas”

Nunha tarde de inverno, dous soldados regresan da fronte cuns amigos na procura dunhas antigas termas romanas que emerxeron recentemente tras permanecer asolagadas baixo un encoro. Entre bromas e travesías polos pantanos, rememoran a súa última batalla mentres a presenza da auga parece espertar emocións ocultas.

A medida que o día deixa paso á noite, os mozos revelan secretos, confesións e temores arredor da amizade, nun lugar onde a maxia da auga transforma os seus sentimentos en palabras.

“O ser querido”                                                      

O aclamado director de cine EstebanMartínez é unha lenda tanto polas súas películas como por un pasado marcado pola violencia e os excesos. Para o seu novo proxecto, ofrécelle un papel á súa filla co pretexto de axudala a relanzar a súa estancada carreira como actriz.

A convivencia durante a rodaxe favorece unha proximidade que pai e filla non compartían desde había anos, pero tamén reabre feridas que nunca chegaron a cicatrizar.

 “Vivir a terra”

En 1991, China experimenta grandes cambios socioeconómicos. Chuang, un neno de dez anos, permanece na súa aldea ao coidado dos seus tíos e avós, mentres os seus pais, como tantas outras persoas, emigran ás cidades na procura de traballo. Como terceiro fillo da familia, o seu destino está condicionado polas decisións familiares e polas tradicións que aínda dominan a vida rural.

Nunha contorna na que a modernización e a tecnoloxía transforman a vida cotiá, os ciclos vitais poñen de manifesto o conflito entre o progreso e miles de anos de tradición, así como o peso das responsabilidades familiares nun mundo en transición.

O filme foi recoñecido co Oso de Prata á mellor dirección para HuoMeng no Festival Internacional de Cine de Berlín de 2025.

“Palestina 36”

Palestina, 1936. O país está ao bordo do colapso. A resistencia árabe contra o Mandato Británico medra ao mesmo ritmo que a chegada de persoas refuxiadas xudías procedentes de Europa.

Sobrepasado polos acontecementos, o mozo Yusuf debátese entre protexer a vida que coñece e unirse a quen arrisca todo pola liberdade do seu pobo. Non é o único: Khouloud, unha xornalista comprometida, é testemuña de intrigas e actos heroicos que cambiarán o rumbo da súa terra.

Con estas catro estreas, Codex Cinema retoma a súa programación e convida o público a volver ás salas para descubrir algunhas das propostas máis destacadas do cinema contemporáneo.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com