A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) entregou á Universidade de Santiago de Compostela (USC) as chaves do Muíño de Olga, que será empregado como centro de divulgación científica, formación e transferencia de coñecemento.
O presidente da CHMSfixo entrega a reitora da USC o inmoble, rehabilitado integramente pola Confederación cun investimento superior aos 790.000 euros. O antigo muíño hidráulico conta con 363 metros cadrados construídos e conserva elementos tradicionais como os rodicios e o circuíto hidráulico.
As obras permitiron retirar construcións anexas, renovar a cuberta e acondicionar o interior para albergar exposicións, actividades divulgativas e unha sala con capacidade para máis de 40 persoas. Tamén se restauraron os mecanismos destinados á produción de electricidade e á moenda de cereal.
A USC encargarase agora de dotar o edificio de contido, principalmente arredor da hidroloxía, a xestión dos recursos hídricos, os ecosistemas fluviais e a etnografía.
A cesión permitirá poñer en valor os ríos e as infraestruturas fluviais tradicionais, o obxectivo é facer do Muíño de Olga un espazo vivo, integrado nas actividades do Campus de Lugo e aberto á sociedade.
O proxecto combina así a recuperación do patrimonio hidráulico cun novo uso educativo e científico, orientado a divulgar a importancia da auga, da súa xestión e da súa conservación.





