Teresa de Antas

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos.

Na Biblioteca Provincial de Lugo temos dous certames ao ano que empezaron no século pasado, foron celebrándose pola teimosía das sucesivas directoras, e agora teñen en Sabela tan firme defensora, que moitos chuzos teñen que caer para que non se nos siga chamando – Letras Galegas e Nadal – a xurados e bibliotecas para o periódico lecer de elixir de xeito anónimo traballos que apuntan maneiras, de autores con futuro literario, como algunhas xa nos teñen florecido.

Desde hai moitos anos, sempre hai premiados de Antas. E nas entregas de premios, sempre está Teresa.
Fomos amigos de Teresa premio a premio, rapaza a rapaz, con Antas nos primeiros postos da provincia en premiados porque esta provocadora cultural foi facendo xermolar unha nova escola literaria, onde non só se escribe ben, senón que tamén – importante tamén a súa dedicación ao teatro- se lé e se recita ben, tan dificil hoxe en día.

A vida de muller-biblioteca ten límites temporais, e chega a xubilación, pero seguro que o espíritu de Teresa seguirá vixiante, e non poderá ficar queda e calada. Teresa – sempre en Antas – seguirá iluminando, como un facho sorrinte, calado, inquedo, sempre vivo, esa pequena escola literaria que non deixará de dar froitos.
Se a Cultura tivese santos laicos, eu tiña para canonizar uns cantos – e unhas cantas – e xa que Batán está ao comezo do alfabeto, tería que ser das primeiras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com