A saída de vía dun coche en Ribadeo deixa tres persoas falecidas e outra ferida
Os ocupantes do coche eran catro membros dunha mesma familia. Nun primeiro momento confirmouse o falecemento do pai e da nai e, malia os esforzos por reanimala, finalmente confirmouse tamén o da menor. O outro ferido foi evacuado ao Hospital de Lugo.
Contra o mediodía, varios particulares informaron ao 112 Galicia dun accidente rexistrado no quilómetro 513 da A-8, á altura de Vilaframil, en Ribadeo, en sentido Begonte. Segundo os alertadores, un turismo saírase da vía e bateu contra a columna dun viaduto.
De inmediato, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e dos Bombeiros de Barreiros. Ademais, alertouse do accidente á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil de Ribadeo e informouse ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, por se fose necesaria a súa intervención.
Unha vez no punto, os servizos de emerxencias confirmaron o falecemento de dúas persoas e informaron de que outras dúas resultaron feridas. Unha delas, menor de idade, atopábase inconsciente e os profesionais sanitarios estaban a realizar manobras de reanimación. Acabou falecendo.
Ata o lugar desprazouse o helicóptero medicalizado con base en Santiago, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.






