Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada dia no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán.
Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India, de Rosalía a Ana(s), de Orozco a Melendi, e cousas así, soábanos Magán e fomos escoitalo.
Chegamos ao comezo, profundamos na multitude e superamos o gaiteiro de Xoan Vila un par de metros, xa por alí impenetrables. Na primeira canción, soubemos que non era para nós a irrefrenable fruición de milleiros de voces mozas competindo por escoitarse. O espazo vital achicábase por momentos, e emprendemos retirada honrosa cando aínda estamos a tempo.
Collidos da man para non perdernos, avanzamos paso a paso (centos de perdóns pedidos; centos de disculpas), e moito despois conseguimos chegar á esquina de Bispo Aguirre. Diante de nós, dúas nenas desnortadas; un carriño de bebé; unha silla de rodas; marabunta humana. Sucedíanse as cancións, coreadas camiño do trance.
Seguíamos pedindo perdón, por non pedir socorro. Únicos veteranos entre os milleiros da contorna, prometemos non volver caer na tentación. Cando por fin saímos da prisión, entramos nun inmenso fluído dos que con retraso acudían ao concerto. Ao sentirnos libres, respiramos fondo, formulamos propósito de emenda, e fomos tomar un viño como mellor medida diante da fallida incursión nun terreo que nos queda vedado para sempre.
Polo camiño, cruzámonos coa alcaldesa. Non a avisei, porque ela está na idade axeitada para que esta música e estes ambientes lle resulten música celestial.


