A iniciativa, organizada pola CEL no marco do programa Conecta Lugo, abordou as oportunidades de financiamento e a planificación das solicitudes de cara a 2027.
Máis dunha vintena de empresas participaron este mércores nun obradoiro na sede da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) centrado na identificación de axudas públicas e oportunidades de financiamento para os seus proxectos.
A actividade, organizada no marco do programa Conecta Lugo, tivo un enfoque práctico, orientado a analizar as necesidades de investimento das empresas participantes e identificar as convocatorias que poden encaixar cos seus plans de negocio.
Durante a sesión abordáronse as principais fontes de información sobre subvencións, os criterios para avaliar as convocatorias e a importancia de anticiparse aos prazos de presentación. As persoas asistentes puideron elaborar unha primeira planificación das posibles axudas e un calendario orientativo de cara ao próximo exercicio.
O obradoiro contou coa participación de Hugo Criado, CEO de Medrar Innovation Office; Roberto Cuíñas, consultor de datos da mesma entidade, e Milagros Fernández, técnica da Oficina Económica de Galicia do Igape en Lugo. Esta última avanzou información sobre as liñas de apoio que o organismo prevé para 2027.
Conecta Lugo é un programa gratuíto de información e asesoramento empresarial impulsado pola CEL co apoio e financiamento da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). A iniciativa busca facilitar o acceso das empresas lucenses ás axudas públicas e apoialas en ámbitos como a innovación, a internacionalización e a mellora da competitividade.






