A Asociación de Veciños Centro de Lugo reclama que se amañen as baldosas das rúas e prazas do centro que peonalizaron

A Asociación de Veciños Centro de Lugo vén de esixir ao Concello unha xestión “efectiva, ordenada e urxente” da Zona de Baixas Emisións (ZBE) e unha resposta definitiva aos problemas derivados das obras de peonalización que, segundo denuncian, “levan tres anos xerando molestias constantes á veciñanza”.

O colectivo asegura que durante este tempo “colaborou diariamente coas distintas áreas municipais para tratar de resolver as incidencias xurdidas, mais lamenta que continúe o levantamento xeneralizado do pavimento en varias rúas e prazas”. Segundo explican, xa advertiran reiteradamente ao Concello de que o material empregado podería estragarse, advertencia que —afirman— foi desbotada polos técnicos municipais, quen defendían a idoneidade do pavimento.

Os veciños non consideran que se trate de fallos puntuais, senón dunha “mala elección” do material, que cualifican de incomprensible á vista da experiencia negativa previa na rúa Quiroga Ballesteros, onde se utilizara o mesmo sistema. Por iso, reclaman que “se depuren responsabilidade” e que se adopte unha solución urxente, axeitada e permanente. Sinalan ademais que, tras tres anos de obras e incomodidades, a situación actual volve impedir o descanso nocturno debido ao ruído dos vehículos ao circular polo firme deteriorado.

A asociación tamén critica que, segundo a licitación en marcha, non se procederá á reposición integral do pavimento nas rúas San Marcos e Quiroga Ballesteros, tal e como solicitaran e como —aseguran— se comprometera o Concello, senón que só se substituirán as baldosas danadas por outras semellantes. Ao seu xuízo, esta medida non resolverá o problema de fondo e provocará que as deficiencias persistan. Neste sentido, amosan tamén a súa sorpresa por que non estea prevista a repavimentación completa da rúa Nova, que describen como “totalmente estragada” e para a que reclaman unha actuación integral e inmediata.

Por outra banda, a entidade veciñal trasladou xa ao goberno local a súa protesta ao coñecer que en toda a ZBE só está previsto instalar un único sensor para medir a calidade do aire e a contaminación acústica. Consideran insuficiente esta dotación e solicitan un incremento do número de dispositivos para garantir un control real destes parámetros, que lembran constitúen un dos obxectivos básicos dunha Zona de Baixas Emisións.

Con estas demandas, a asociación reclama “maior transparencia informativa, planificación técnica rigorosa e actuacións rápidas que poñan fin aos problemas que, segundo sosteñen, seguen afectando de maneira directa á calidade de vida da veciñanza do centro histórico lucense”.

Principio del formulario

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com