A asociación Lugo Monumental considera preocupante que, tras dous meses e medio, a oficina de turismo da Praza do Campo, permaneza pechada desde finais do pasado mes de novembro.
Desde o colectivo sinalan que a alternativa habilitada de maneira provisional non resulta axeitada, xa que o persoal foi trasladado á sala de exposicións Porta Miñá, unha localización difícil de atopar para as persoas visitantes e que, ademais, quedou aínda máis illada tras o sinistro rexistrado na Muralla como consecuencia dos temporais recentes.
Lugo Monumental chama tamén a atención sobre a falta de información na propia oficina pechada, onde non existe ningún cartel que indique a situación nin a nova localización do servizo. Lembran que se trata dun espazo orientado a atender persoas que non coñecen a cidade e que se atopan coa porta pechada ao acudir en horario de atención ao público sen ningunha explicación.
Ante esta situación, a asociación propón “varias alternativas viables”. Entre elas, suxire habilitar como oficina de turismo as instalacións do coñecido como “Edificio de Novas Tecnoloxías”, situado na praza Ángel Fernández Gómez, na parte traseira da Casa do Concello. Segundo indican, trátase dun espazo cun uso practicamente testemuña a pesar de estar nunha localización privilexiada, que conta ademais cun acceso independente, polo que non suporía problemas de seguridade, e permitiría poñer en valor os restos arqueolóxicos existentes no lugar.
No caso de que esta opción non fose considerada viable, Lugo Monumental propón o arrendamento dun local no centro da cidade, facilmente localizable para as persoas visitantes, que cómpre lembrar que non coñecen Lugo.
Como terceira alternativa, e no caso de non aceptarse as anteriores propostas, a asociación ofrece as súas propias instalacións na rúa da Raíña, que, aínda estando situadas nunha galería comercial, contan cunha localización céntrica e accesible se se sinaliza de maneira axeitada. En calquera caso, desde o colectivo insisten en que esta opción resultaría moito máis accesible que a actual oficina provisional.






