A Audiencia de Lugo absolve á filla e á neta dunha anciá acusadas de enganala para retirar 16.500 euros

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo absolve á filla e á neta dunha anciá, gardadoras de feito desta, acusadas de cometer un delito continuado de estafa agravada ao supostamente enganala para que autorizase dúas retiradas en efectivo en 2013, dun total de 16.500 euros.

Outra das fillas da muller, xa falecida, denunciou os feitos acontecidos en setembro e en decembro dese ano. Segundo se recolle na sentenza, a anciá retirou en dúas ocasións cartos dunha oficina bancaria. A primeira vez sacou 12.000 euros e, a outra, 4.500, operacións nas que tivo que asinar o documento de disposición da retirada, así como documentación adicional. O tribunal considera probado, no primeiro documento, a autenticidade da firma da titular, tras a pericial caligráfica realizada. Pero, con respecto á sinatura da documentación adicional, a proba levada a cabo concluíu que non era a da afectada, sen poder concretar que pertencese a unha das dúas investigadas.

Os traballadores do banco, que estiveron presentes nas dúas retiradas de efectivo, “deron fe de que a titular da conta era a persoa que retiraba o diñeiro”.  E outra das testemuñas declarou que a muller adoitaba ir ao banco acompañada da súa neta, polo que non queda probado, a xuízo da Sala, que “a súa filla a acompañase ao banco”. Tampouco, segundo salientan os maxistrados, existe proba directa ni indiciaria “de que as acusadas se apropiasen dos cartos”. O único que a Audiencia considera acreditado é que “tales retiradas de cartos fosen realizadas para satisfacer as necesidades persoais da anciá”, pero como “non necesariamente significa a concorrencia de delito”, procede á absolución das acusadas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com