A campaña “Xustiza para o Ulla” logrou mobilizar máis de 10.000 € en catro días

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) celebra oéxito inicial da campaña de recadación solidaria “Xustiza para o Ulla”, cuxo propósito pasa por acadar os medios económicos necesarios que permitan defender xuridicamente o río Ulla fronte ás ameazas ambientais da macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino. En tan só catro días desde o seu lanzamento, a campaña “Xustiza para o Ulla” logrou mobilizar máis de 10.000 €. Así, o reto de recadación activo neste momento, vinculado á loita xudicial contra Altri, superou o 25% do obxectivo mínimo fixado; e o fondo común da campaña xa superou os 1.000 euros.

Esta rápida e firme resposta cidadá evidencia a gran preocupación social polo impacto ambiental e socioeconómico que suporía a instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei; e reflicte, ademais, o compromiso da sociedade galega coa defensa dos ríos e do territorio fronte a proxectos industrais altamente contaminantes para o conxunto de Galiza. ADEGA expresa “o seu fondo agradecemento a todas as persoas que ata o momento contribuíron coa campaña e fai un chamamento a seguir sumando apoios para levar o proxecto de Altri e Greenalia aos tribunais”.

A organización ecoloxista ADEGA lembra que o primeiro reto solidario desta campaña pasa por acadar 39.100 euros nun prazo de tres meses, ata o día 28 de xuño. Estes fondos permitirán a ADEGA enfrontar, con garantías económicas, técnicas e xurídicas, dous recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG): 1. A impugnación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) do proxecto de Altri e Greenalia, anunciada para antes do verán, e 2. O recurso contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución sen que esta se producise.

As doazóns poden realizarse a través da páxina web da campaña: https://adega.helpbysc.com/xustizaulla; e todas as contribucións contarán con beneficios fiscais de ata o 80% na declaración do IRPF. ADEGA convida a outras entidades sociais e plataformas opostas a estes dous proxectos agresivos co territorio a participar na campaña como entidades colaboradoras, e apela a sociedade galega no seu conxunto a continuar contribuíndo ao éxito desta campaña para poñer contra as cordas da Xustiza á Xunta de Galiza e ás empresas depredadoras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com