A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, finaliza as actuacións de rehabilitación do sistema de saneamento do núcleo de O Cebreiro.
No Cebreiro existía un sistema de saneamento de funcionamento unitario que recollía as augas pluviais de escorrentía captadas polas reixas para mesturalas coas augas residuais, sendo este sistema o máis común en núcleos de poboación illados; aínda que exceso de caudal en tempo de choiva xeraba un funcionamento incorrecto do sistema de depuración.
Os traballos consistiron na renovación completa da rede de saneamento, así como a canalización e recollida de augas pluviais, da aldea de O Cebreiro, evitando deste xeito que gran parte das augas pluviais do núcleo de poboación chegue á estación depuradora de augas residuais do mesmo.
Para iso, necesitouse ademais renovar a rede de subministración eléctrica e a iluminación pública, así como reforzar a rede de abastecemento de auga, e instaláronse as canalizacións necesarias para dotar ao núcleo de rede de fibra óptica. Na reposición de pavimentos executáronse máis de 2.000m² de empedrado tradicional en chapacuña. “O valor patrimonial deste lugar obrigou á utilización de materiais autóctonos que se integran na beleza e características peculiares dunha zona cargada de lendas, tradicións, natureza, cultura e historia” explicou José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.