A comunidade Coto das Louseiras e Adega piden parar a mina de Pizarras Universal na Pastoriza

A veciñanza da parroquia de Xemil, situada en Bretoña, apoiada por Adega, vén de trasladar á Consellería de Economía e Industria a súa preocupación pola actividade da explotación mineira de Pizarras Universal, solicitando a súa paralización inmediata. A petición baséase nos supostos incumprimentos legais e ambientais detectados, segundo denuncian distintos colectivos.

A Comunidade de Montes Coto das Louseiras sinala que “o contrato de alugueiro coa empresa rematou en abril de 2025 e que xa fora comunicada con anterioridade a decisión de non renovalo. Segundo indican, solicitouse á empresa o abandono dos terreos e a restauración ambiental da zona. Porén, afirman que a actividade extractiva continúa malia a caducidade do acordo”.

Pola súa parte, a organización ecoloxista Adega e membros da veciñanza sosteñen que a explotación “estaría a superar a superficie autorizada pola declaración ambiental. Segundo estas fontes, a actividade ocuparía máis de 40 hectáreas, cando a autorización inicial abranguía algo máis de 10”. Engaden que esta ampliación “carecería das garantías de restauración necesarias e podería afectar a cursos de auga e a zonas protexidas sen contar coas autorizacións pertinentes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”.

Neste contexto, tamén se puxo de manifesto que “a empresa presentou recentemente un proxecto de ampliación da canteira, que foi admitido a trámite pola Administración autonómica”. Tanto ADEGA como a comunidade de montes consideran que esta tramitación non debería avanzar mentres existan posibles incumprimentos en curso. Segundo sinalan, a ampliación podería supoñer “un incremento significativo da superficie afectada, así como impactos sobre hábitats de interese comunitario e recursos hídricos da zona”.

Na mañá de hoxe, representantes da comunidade de montes, acompañados por membros de ADEGA, desprazáronse á Sección de Minas da Consellería en Lugo para expoñer directamente estas cuestións. Durante o encontro, solicitaron maior axilidade na tramitación das denuncias presentadas e a apertura, de ser o caso, dos correspondentes expedientes sancionadores.

As persoas e entidades implicadas coinciden en reclamar á Administración que valore a situación e actúe conforme á normativa vixente, tanto no relativo á continuidade da actividade extractiva como á tramitación do proxecto de ampliación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com