A empresa Tivaygasa de Guitiriz comunica aos seus empregados o peche da factoría

A dirección da empresa Tivaygasa (Transformados industriais vasco-galaicos) vén de comunicarlle ao cadro de persoal a súa intención de pechar a factoría que ten en Guitiriz, o que conlevaría o despedimento dos seus 20 traballadores e traballadoras.

Tivaygasa é unha empresa industrial situada en Pardiñas, Guitiriz, que se dedica ao mantemento integral (pintado, reparación e retimbrado) das bombonas de butano de Repsol e Cepsa, así coma as xaulas nas que se transportan.

Este mesmo mércores, no transcurso dunha reunión entre o representante do persoal (da CIG) e o xerente, este informou da grave situación económica que atravesa Tivaygasa debido ás débedas que acumula. Esta sería a razón, engadiu, pola que se tomou a decisión de proceder ao peche, que afectaría aos 20 traballadores e traballadoras da planta de Guitiriz.

Dende a dirección, apunta Afonso Losada, da CIG-Industria de Lugo-A Mariña, non se achegaron mais datos que clarifiquen cando e como se vai concretar esta peche, agás que será inmediato. Dáse a coincidencia que o persoal tiña convocada unha folga para mañá, xoves, debido aos retrasos reiterados no pago dos salarios.

Neste novo contexto, a CIG manifesta a súa oposición rotunda a esta decisión “e reclamamos que se aclare por parte da empresa a verdadeira situación, se nos explique se está previsto a entrada en concurso de acredores pola situación económica ou se a se van presentar un ERE de extinción total”.

Así mesmo, a CIG demanda solucións para o futuro dos traballadores e das traballadoras, que a empresa sente a negociar “e que se explore a posibilidade da venta para asegurar ao continuidade da actividade e a salvagarda dos postos de traballo”.

Con todo, mañá xoves día 18 de setembro, desenvolverase a xornada de folga xa prevista e para o venres 19 o persoal acordou convocar unha concentración diante das portas da empresa, con horario aínda por confirmar.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com