A Plataforma traslada ao Ministerio de Cultura o expediente íntegro de Altri. Tal e como consta nunha resposta parlamentaria, a Xunta non remitiu ao Ministerio os informes emitidos sobre o impacto patrimonial da macro-celulosa. Malia a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable condicionada emitida o 5 demarzo de 2025 pola cda Xunta de Galicia para o proxecto de celulosa de Greenfiber S.L. en Palas de Rei, Melide e Santiso, colectivos e expertos do patrimonio e a cultura expresan unha profunda preocupación polo potencial impacto devastador que esta instalación tería sobre o Camiño de Santiago, declaradoPatrimonio da Humanidade.
A controversia xorde tras unha análise detallada do expediente administrativo do proxecto, que revela serias deficiencias na avaliación do impacto patrimonial sobre o Camiño. O informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) da Xunta de Galicia baséase fundamentalmente en dous informes externos presentados pola promotora, sen que conste unha avaliación propia dos servizos técnicos da Consellería.
Estes informes externos, de parte e con limitacións recoñecidas, aínda así, sinalan un impacto patrimonial, visual e paisaxístico significativo no Camiño de Santiago. Sorprendentemente, chégase a suxerir que unha cheminea de 75 metros, visible desde o Camiño, podería converterse nunha “icona” da paisaxe, minimizando o impacto destemacrocomplexo industrial.
Cómpre salientar que ICOMOS-España, unha das organizacións máis relevantes na protección do patrimonio, desautorizou expresamente os informes externos citados pola DXPC, afirmando que “ditos traballos realizáronse a título persoal e privado, sen que a organización tivese participación ningunha nin asuma responsabilidade na súa elaboración”.
En contraste coa avaliación da DXPC, o proxecto dunha macrocelulosa cunha capacidade de 400.000 toneladas de celulosa soluble e 200.000 toneladas de lyocell, e con relevantesemisións de contaminantes e cheiros, suporía unha grave afectación aos valores intrínsecos do Camiño de Santiago. Este impacto non se limitaría á percepción visual e paisaxística, senón que tamén afectaría aos valores consubstanciais e identitarios do Camiño, impactando directamente ás persoas peregrinas en forma de contaminación, cheiros, ruído e tráfico.
O Consello da Cultura Galega emitiu un informe detallado (dispoñible en https://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4515) que subliña a deficiente avaliación do impacto patrimonial. O informe precisa que “A avaliación de impacto redúcese a avaliar as afeccións, á ocupación da área de influencia, utilización do Camiño, visibilidade, molestias aos peregrinos…; sen embargo, non se considera algo que resulta evidente: que a implantación dunha fábrica como a proxectada, polas súas características e dimensións, vai inducir precisamente transformacións no sistema territorial fóra da área ocupada, que poden entrar en conflito coa súa protección como territorio histórico.”
Ante a magnitude do risco, faise un chamamento urxente ás autoridades competentes para que se emita un informe de impacto exhaustivo e rigoroso sobre o Valor Universal Excepcional dos bens declarados Patrimonio Mundial – Camiño de Santiago, garantindo así a protección deste legado cultural e espiritual inestimable.
Palas de Rei – 29 Maio 2025