Hoxe tivo lugar a presentación da XLVII Semana de Cine de Lugo, que se desenvolverá entre os días 22 e 27 de setembro. O Grupo Cinematográfico Fonmiñá presentou un completo cartel que suma arredor de 200 proxeccións e actividades paralelas en cinco sedes.
No acto participaron o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que gabaron o traballo realizado polo equipo de Fonmiñá.
Ao respecto, destacaron que o salón de actos da Delegación Territorial acollerá o ciclo de Cine galego, con trece obras realizadas nos anos 2024 e 2025 que amosan o gran momento que atravesa o audiovisual en Galicia.
A sede do Edificio Administrativo será tamén o escenario do ciclo de Cine de Nadal en homenaxe ao Belén de Begonte, mentres que na Biblioteca Pública Provincial desenvolveranse o ciclo de Cine español inédito e a homenaxe aos 90 anos de radio en Lugo, ademais de recuperar a exposición sobre o cartel da presente edición.
Esta mostra recolle tanto o resultado final como os quince deseños previos elaborados polo artista Primitivo Marcos para lembrar os 100 anos da estrea da mítica película La quimera del oro, de Charles Chaplin. Fonmiñá sorteará seis dos bocetos entre os asistentes ás proxeccións da sección oficial.
A Semana de Cine tamén servirá para homenaxear á actriz galega María Vázquez e a Enrique Muiño, ‘O gaucho galego’, que terán a súa placa no Paseo do Cine do parque de Frigsa, así como aos fotógrafos Atín Aya e Mercedes Vázquez. O programa complétase con outras actividades como unha mesa redonda sobre o alzhéimer, unha exposición sobre a Muralla de Lugo ou un concurso de escaparates.