A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou esta mañá que Monforte de Lemos acollerá o primeiro centro específico para menores estranxeiros que se abrirá en Galicia para afrontar o traslado impulsado polo Goberno central. Este recurso estará situado no edificio residencial Francisco Suárez que Prodeme ten neste municipio e disporá de 80 prazas.
Na visita ao centro, na que estivo acompañada polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e do xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, a conselleira agradeceu a colaboración da entidade social e fixo fincapé en que “estas son as primeiras 80 prazas específicas que a Xunta se ve obrigada a crear” e destacou que a Xunta continúa buscando posibles localizacións, un procedemento para o que solicitou a colaboración doutras administracións.
Fabiola García lembrou que esta mesma semana se recibiron os primeiros seis expedientes de adolescentes que forman parte do grupo de 317 que o Goberno central quere trasladar á comunidade galega. A esta cifra súmanse os 15 menores estranxeiros solicitantes de asilo que o Goberno central debe acoller por orde do Tribunal Supremo e que, segundo puido saber a Xunta, tamén vai trasladar a Galicia.
Fotografía: Xunta de Galicia