A Xunta, a través de Augas de Galicia, concedeu 361.300 euros a 15 concellos lucenses para mellorar as redes de saneamento municipais, a través de dúas liñas de axudas que se convocaron este ano para ese fin.
O delegado territorial, Javier Arias, explicou que o DOG publicou a resolución das ordes de 2025. Un dos programas vai destinado a executar actuacións para reducir as infiltracións nos sistemas de saneamento; e o outro apoia a realización de auditorías para diagnosticar este tipo de problemas.
No caso das obras de mellora nas instalacións, as entidades locais beneficiarias son Barreiros, Begonte, Xermade, Guitiriz e Rábade, que suman achegas por valor de 220.000 euros.
Pola súa banda, a Xunta colabora coa realización de auditorías para detectar posibles problemas no funcionamento das redes en Friol, Guntín, Castroverde, Monterroso, Abadín, Paradela, Triacastela, O Saviñao, Chantada e Burela. O importe total ascende a 141.300 euros.
Aínda que o saneamento e o abastecemento dos concellos son competencias municipais, a Xunta leva anos prestando apoio ás entidades locais para que poidan garantir a correcta prestación dos servizos.