A Xunta acaba de dar luz verde á declaración de incidencia ambiental de actividade para un proxecto de legalización, reforma e ampliación dunha instalación existente de recollida e albergue de animais de compañía na capital lucense. A iniciativa, promovida pola Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, poderá desenvolverse cumprindo as medidas correctoras contidas no proxecto e na memoria presentados, así como as expostas a maiores na propia resolución emitida pola Dirección Territorial da Consellería de Medio Ambiente e
Cambio Climático.
Unha vez analizada a documentación recibida, procédese a legalizar ambientalmente o proxecto básico e de ampliación de actividade preexistente do albergue de animais, localizado no lugar de Piñeiro, na parroquia de Santa María de Muxa, no termo municipal
de Lugo. Non se prevé que a iniciativa teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran as condicións fixadas na propia resolución autonómica e na documentación avaliada.
Neste sentido, cómpre destacar que esta declaración de incidencia ambiental de actividade foi elaborada segundo o procedemento establecido e con consulta a seis administracións, que emitiron informes e estableceron unha serie de medidas correctoras. Todo isto aparece mencionado na resolución da Dirección Territorial de Lugo.
Os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes.