Hoxe inaugurouse en Lugo o foro internacional Corredor Galicia-Asia, organizado polo colectivo Prorural Galicia e promovido pola Asociación Asia-China para a Cooperación e o Desenvolvemento Internacional (Aaccdi). Trátase dunha cita que reforza a cooperación institucional, empresarial e académica entre Galicia, Xapón e China, poñendo o foco na saúde, a innovación, o envellecemento e o desenvolvemento sostible.
No acto participou o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, quen subliñou que este encontro “chega nun momento idóneo”, no que o mercado de Asia “está a consolidar o seu valor estratéxico para as empresas galegas”. Así, precisou que as exportacións totais de Galicia ao continente asiático en 2024 acadaron os 1.075 M€; mentres que no primeiro semestre deste ano xa rexistran un incremento do 5,3 % con respecto ao mesmo período do exercicio anterior.
“Esa base real fai posible que este foro non sexa só un encontro, senón unha plataforma para chegar a acordos concretos e fomentar novas oportunidades”, dixo Arias. Nese sentido, animou ás empresas lucenses a seguir contando co apoio da Xunta no seu proceso de internacionalización, ao tempo que instou “aos socios asiáticos a que miren a Galicia e á provincia de Lugo como unha localización competitiva en Europa, cunha Administración que acompaña de principio a fin para favorecer novos investimentos”.
O delegado incidiu tamén na aposta da Xunta por simplificar as relacións co tecido empresarial. “Nos últimos anos redobráronse esforzos por reducir a burocracia, potenciar a información e agrupar as axudas para facilitar a súa tramitación”, apuntou.
“Estas medidas están dando resultados”, dixo Arias, quen afirmou que “na provincia de Lugo, as solicitudes de apoio para proxectos de innovación multiplicáronse por catro, ata alcanzar arredor do 20% do total da Comunidade nas últimas convocatorias”, concluíu.